miércoles, 19 de agosto de 2026

Entrecroniqueta #14 (2026) – Tremor de Arriba / Los Pamplinas cuarteto Gaiteiros de Oficio

Din que o trece, mal número se non crece, así que tiñamos a obriga de escribir unhas liñas máis. Esta vez, do que fixemos o sábado pasado en Sotogayoso, que lese Soutogayoso. Unha localidade ben comunicada, preto da Portela, onde está o Valcarce e tanto lles gusta parar aos galegos. Pero Soutogayoso está agora un pouco valeiro, bastante máis do que o lembrabamos de cando viñemos tocar hai xa uns cantos anos.

Tiñamos ido hai moitos anos, antes de que existisen os Pamplinas, alí a tocar á festa pola tarde, a unha merenda polo San Miguel. E alí tocamos para que bailaran e tamén para que cantaran ao pé da gaita. Non sempre temos boa memoria, pero hai moitas cousas que non se esquecen.

 

Esta vez foi diferente porque non era a festa do pobo. Por iso o baile non era na Arqueira, como se facía antes; esta vez tocamos no Cabo do Lugar. Nin había que durmir na barra, que era o que todos estaban desexando. Agora á barra chámanlle buardilla e, se a poñen nunha capital, alúgana tal cal as teñen eiquí para meter a herba como «solución habitacional funcional».

 

O caso foi que hai uns meses estabamos os profes da Escola de Música de Camponaraya falando despois dunha audición na Casa da Cultura e achegouse unha señora preguntando se había gaiteiros. Claro, deu con nós. E aínda que pensabamos que non iamos poder coller a data, xa que esta fin de semana non podía estar máis a tope, ao final cadramos para ir a Soutogayoso.

E aínda que non dixemos para que, a ocasión merecíao. Onde xa non se ve case mocidade é moi benvido ver unha parella nova. Unha parella que emprende vida xunta. Que lle gusta xuntar a familia alí, de onde sente a noiva que vén. Aínda que haxa que traer o noivo e a familia del desde Alemaña. Xa dixemos que iso dificultaba facer o rastro, aínda que como o que había o outro día en Canales (comarca de Luna, xunto á Magdalena) fora de pintura e non de palla.

Mentiría se dixera que non hai xente que quere gaiteiros na súa celebración pola foto, pola nota de cor e non pola nota musical nin por bailar ao son da gaita (sabendo que tampouco é un día no que os músicos teñan que ser os protagonistas). Pero neste caso foi satisfactoriamente diferente. Hai xente que valora a música en directo, pero tamén hai quen valora que sexa música do país, da contorna e con algunha bobada polo medio.

Tiñamos que explicar o que é pagar o piso, como había que levar un chufón para pedir a man (coidado con que non che intentara levantar a rapaza, como xa pasou), algunha historieta de emigrados en Centroeuropa e falar dos gaiteiros da contorna.

Sempre saen os nomes dos de San Fiz; na contorna tiñan moita e merecida sona. Pero tamén o do Linternas de Moldes, que lle chamaban así por ter os ollos saltois. E, por suposto, o que hai cousa de cen anos vivía en Soutogayoso. Cando estivemos antes, e aínda en 2016 viñemos a posta a preguntar aos máis maiores por el, contáronnos historias: que era un Casanova, que o seu pai o trouxera con el de Cuba, que tamén foi un paria... Pero aínda non demos con como se chamaba. Está na memoria de moitos, pero só coñecido por como lle chamaban: O Mulato.

Estou convencido de que O Mulato, aínda que non casara —que non casou—, tocou en máis dunha voda. Cen anos despois, tocábanos a nós. E o día da voda é sempre un dos días máis recordados e importantes na vida de alguén. Aínda que case varias veces.

Por iso gustounos tanto que nos chamaran para tocar este día. Porque tocar nas festas significa tocar nos días máis importantes do ano. Pero tocar nunha celebración así significa tamén formar, dalgún xeito, parte dun momento vital que se mima, se quere e no que, neste caso, quixeron que houbese música tradicional e gaiteiros.

Un trío, para máis señas, como marcan os canons, con tres músicos pamplineiros que teñen nomes que comezan por D e cunha maioría esmagadora de Diegos. E máis, como o Diego Vilor é de Quilous e vale por dous, case poderiamos dicir que cuarteto. A ver se alguén pensou que ían ter a exclusiva os Trintas de Trives de valer por máis dos que eran.

Tocar non só é facelo ben, ir de bonito, estar afinados, ir a tempo, escoller con delicadeza cada tema e saber ler na xente se están de solto ou agarrao. Non só é coller os cartos, facelo legalmente, saber estar, non ter présa e dar ambiente. Tocar é tamén algo máis, ou polo menos así o entendemos. Por iso quizais o desfrutamos tanto. Ser gaiteiro é esixente. Ser músico é esixente.

Xa que imos tendo claro que machismo e feminismo non son antónimos, que ter carné non te converte en condutor (aínda que o carné que teñas sexa o de conducir) ou que a Coca-Cola e a crema de oruxo ou de whisky non se mesturan, que fan cemento no estómago... xa vai sendo hora de asumir que tocar un instrumento e ser músico tampouco son equivalentes directos.

Esta voda, ao final, tiña algo das de antes: a noiva non ía de branco, houbo gaiteiros, todos bailaron e, por suposto, o primeiro valse foi para os noivos.

Segundo os nosos estudos, ademais, as vodas con gaiteiros teñen un punto máis de felicidade. Non sabemos se está demostrado, pero tampouco temos interese ningún en comprobalo.

Noraboa e moita felicidade para vós os dous.







No hay comentarios:

Publicar un comentario