Un ano máis de romaría entre polbo á feira e chourizos cun xarro de viño.
Comparabamos o outro día unhas imaxes de Teleno TV de como
fora a Romaría de 1996, trinta anos atrás, case nada. Aquel ano os gaiteiros
eran os insignes Castrelos de Monforte de Lemos. Este ano volvía ser a Banda do
Centro Galicia a que puxo música, a ritmo de gaita, tambor e bombo, a parte da
procesión e da misa, ao antes e ao despois.
A esta cita non faltamos nunca, vestidos de gaiteiros e
preparados para arroupar o noso Patrón, que ten a virtude de mirar cun ollo
cara a Santiago de Compostela e co outro cara a Xerusalén.
E isto, para quen non o saiba, facémolo en terra maragata,
que non berciana. Este enclave tan singular do Camiño Francés non está na nosa
comarca. Está dentro do concello de Santa Colomba de Somoza, xusto despois de
Foncebadón, por enriba do Riego de Somoza, do Acebo de Somoza e de Molinaseca
de Somoza.
E ben certo que moitas veces o nome dun lugar trae polémica.
Primeiro porque hai sitios que non teñen un só nome. E, se non, que llo digan a
Istanbul ou Constantinopla, Mumbai ou Bombay (que, aínda que lle cambiaran o
nome, a canción de Mecano non vai cambiar) ou ao artista antes coñecido como
Prince.
Cando un lugar ten máis dun nome, o primeiro debería ser
escoitar a quen vive nel. E, ata onde lembran os máis vellos, é Cruz de Fierro
e non doutro xeito.
Pero tamén é certo que en moita documentación escrita desde
hai séculos aparece como Cruz de Ferro, e ese nome acabou triunfando entre as
xentes do Bierzo e máis alá.
Tamén segue sendo certo que para algüis de nós ten máis
valor como se chama no propio lugar ca o que escriba un plumilla. Pero nós non
somos quen de poñer nin quitar nomes. E tampouco ten nada de raro que o Centro
Galicia en Ponferrada, sen querer impoñer nin galeguizar (que algún tampouco se
decata do pouco galega que pode ser Galicia), digamos Cruz de Ferro.
O enclave non deixa de ser marabilloso e o lume aínda o vai
respectando, aínda que, mentres tocabamos, caían muxenas do incendio sobre as
camisas brancas e semellaban faragullas dun lazo negro de loito. O outro día o
que chegou aos pés do Redondal andúvolle preto, pero este ano está máis verde
ca outros e deste lado da serra.
Os nosos estudos científicos demostraron que galegos,
bercianos e maragatos podemos entendernos, desfrutar, tocar e bailar xuntos. E
que a todos se nos dá ben a festa, o festexar, o comer... e tamén algo o beber,
para que nos imos enganar.





No hay comentarios:
Publicar un comentario