viernes, 31 de julio de 2026

Entrecroniqueta #8 (2026) – XXI Festa Folk no Río Chamoso / Os Pamplinas en concerto

O domingo 26 pechamos o fin de semana neste lugar que todos os que foron á Coruña pola A-6 viron algunha vez: a Praia Fluvial do Río Chamoso. Tocamos aquí por primeira vez como Os Pamplinas nun festival que nos trae moi bos recordos.

 

Pola xente da Legua Dereita, á que tanto apreciamos, que sempre nos trata ben, e ben é dicir pouco. Pero tamén porque o enclave é fermoso e sabemos que, se tocamos aquí, o baile está asegurado.

E así foi. O baile non faltou nin un intre. Pero primeiro comezou Anaquiños da Chapela e logo a Legua Dereita con ese Festival de Música e Baile Tradicionais. Despois, nós. Un concerto intenso, case acelerado. Nunca tivemos montado todo tan rápido. E con certos nervios dos que aparecen cando tocas para xente que che importa. Porque é fermoso o reencontro, pero aínda o é máis compartir.

Tocamos case sen descanso, botando unha peza tras outra e facendo poucas paradas, aínda que contaramos algunha bobada: de onde vimos ou que son as pamplinas. Tiñamos que explicar que, para cruzar Pedrafita e despois de máis de dez anos de grupo, ben podiamos quitar o L de Los Pamplinas, como quen lle quita o L de prácticas ao carné de conducir. E facer un concerto que, tamén hai que dicilo, foi integramente falado en galego. Con moita naturalidade.

 

Houbo tempo para sorrir, falar, intercambiar algunha impresión e ata botar un café e un licor café antes de tocar. Porque tamén hai que dicilo: teñen un bo grupo e son boa xente. Pero tamén alcanzan a excelencia nos pinchos de despois.

O roce fai o cariño, aínda que tamén postilla. Pero é que con estes amigxs tivemos moito roce. Pasamos momentos duros na pandemia e tamén un pouco de frío. Sufrimos as obras da autovía durante anos e agora que rematan unhas xa comezan outras.

O fermoso de todo isto para nós é que, aínda que non nos vemos habitualmente, andamos pendentes de como seguen e seguimos cruzando camiños, ou facendo por cruzalos. Vendo como medran como persoas (eu tamén estou máis novo que despois) e como grupo. Gustáronnos moito os arranxos e as pezas novas.

 

Con esta pechamos a última actuación da semana. Pero agosto xa chama á porta e trae máis música, máis pobos, máis reencontros e algunha historia nova para contar. Seguro que aínda nos quedan moitas veces máis para cruzarnos. Porque hai camiños que, por moitas voltas que dean, sempre acaban encontrándose.






No hay comentarios:

Publicar un comentario