lunes, 6 de julio de 2026

Croniquetas dun músico #6 (2026) – Corullón / Denise y Diego

Chegamos a Corullón recibidos da man de Ana Carballo para este encontro El Bierzo y Corullón en el corazón del poeta, adicado a Antonio González Guerrero. Un poeta que, ainda que marchou d'aquí, nunca deixou de escribir pintando o seu territorio, ainda que o fixera en castelán. E síntoo polos que pensan que tanto ten dicir as cousas nunha lingua ou noutra. Ás veces hai diferenzas, e son importantes. Porque non é igual falar dos figos zoupeiros de Corullón que de los higos del culo seco.

 

E é curioso porque, lendo a Antonio González, atopamos un poeta que tiña o río moi presente. Algunhas das súas reflexións e versos lembráronnos ese novo mantra que lle roubamos ao noso amigo David Omaña: "La tradición es como un río." Nun dos poemas de Bajo la agria luz de los cerezos escribe: "Es río mi memoria."

Non é exactamente a mesma frase, pero nace da mesma intuición. A memoria non é un almacén onde se gardan as cousas; é algo que corre, que une persoas e tempos distintos. Igual que a tradición. Porque o importante non é a auga que pasa, senón o cauce que permanece. Ningún río nace dunha soa gota, pero tampouco pode existir sen ningunha delas. Quizais por iso tamén lle chamamos Gotas de Tradición.

Hai quen pensa que a tradición e a cultura culta se miran dende beiras distintas. Nós seguimos convencidos de que beben do mesmo. Nesta ocasión tivemos a sorte de comprobalo compartindo espazo coa obra dun poeta que escribía sobre a mesma terra que nós tentamos cantar.

Lendo e escoitando os seus poemas sentímonos moi identificados. En versos como os de El país de la nieve aparece unha e outra vez a idea do regreso á orixe. Non é casualidade que escriba:

"Aquí estuvo el país del sacho y de los bueyes,
de las vírgenes dulces y el castaño manso..."

Porque non está describindo só unha paisaxe. Está reconstruíndo un mundo compartido.

Cando nos achegamos á súa obra non deixamos de vernos nela. Máis este ano, no que estreamos Días de rodillas peladas, onde a infancia tamén ocupa un lugar moi especial. É imposible non sorrir cando un le:

"Yo sueño con la esteva y el manzano,
con el cerezo en flor y el buey dormido;
yo sueño con la infancia que he perdido..."

 

Ao final, pensamos que Corullón tamén fala. Fala nas palabras de Antonio, nas viñas, no río, nas igrexas, na súa fala e na xente que segue vivindo a vila. Nós simplemente fomos alí a escoitalo un pouco... e, xa de paso, a poñerlle algo de música.

Baixamos dende Bembibre seguindo a dirección do Camiño de Santiago. Dos moitos camiños, o máis coñecido —o francés— chámase así ainda que por aquí tampouco haxa unha paixón especial por Francia. Algún haberá... pero seguramente será máis por tomar un Ricard no vermú ca por Napoleón.

Corullón é terra de viño, de viñas, de soutos de castiñeiros e de cereixas. Hai sitios que, en canto baixas do coche, xa che están contando algo.

Tamén hai que parar na Igrexa de San Esteban, que é románica. Será de San Esteban, pero acaba de pasar San Pedro e sacárono o domingo en procesión sen gorra. Véselle perfectamente o cartón, pero aí segue, co seu zoupeiro na man e coas chaves. Os santos tamén teñen dereito a envellecer con dignidade.

A casa de Antonio González está alí mesmo, ao pé da estrada. Gustaríanos pensar que, igual que ten ese cartel na porta da Casa do Peta, tamén ten xa un anaco reservado na memoria de Corullón. E se non, tempo ao tempo.

 

O encontro celebrouse nun lugar fermoso, ainda sen rematar, e cun motivo máis para achegarse estes días á vila: a exposición dedicada a Gil y Carrasco organizada polo IEB.

E si, ir a Corullón tamén tiña moito de falar deste xeito. Así que pensamos: se o falamos... por que non escribilo tamén? Mais que se coe algún gazapo. É o que ten moverse nesa fronteira onde uns din galego, outros castrapo e outros chapurreao. Nós, mentres nos entendamos, seguimos para adiante.

Sempre dicimos que a tradición non ten que pedir permiso para sentar á mesa da cultura chamada culta. Pode falar con ela de ti a ti. E iso foi exactamente o que pasou esta tarde. Mesturáronse dúas maneiras de contar un territorio: a poesía escrita de Antonio González e esa outra memoria que viaxa nas músicas, nos romances, nas coplas e nas melodías que foron pasando de boca en boca.

Nós puxemos gaitas, pandaretas, voz e algunha historia. Eles puxeron poemas. E, curiosamente, falabamos do mesmo.

Agasalláronnos con frores. Os da poesía saben cousas. Saben que as boas tardes non rematan só con aplausos; rematan con merenda. Hai moito que aprender deles. Porque regalar frores é precioso, pero acompañalas cun anaco de empanada xa roza a excelencia.

Como ben dixo Ana:

"¿Hay algún sentimiento más sublime que el amor de un hijo a una madre y de una madre a un hijo?"

Era unha reflexión arredor do poemario El peso de mi sombra, escrito cando Antonio apenas tiña vinte e seis anos. E nós fixemos o único que sabiamos facer: responder cunha nana tradicional. Ese foi, seguramente, un deses momentos nos que deixas de acompañar un acto para pasar a formar parte del.

 

Así foron sucedéndose as intervenciois. Encheunos especialmente escoitar que o noso xeito de entender a música tradicional resultara diferente, que non somos coma otros músecos. Falamos dos gaiteiros da zona. Dos de Hornixa, Cadafresnas, Viariz, Dragonte e Os Mazos, onde tamén se facían gaitas. Falamos das músicas do Selmo igual que os poemas falaban da Pena do Seo ou de Visuña. Ao final, estabamos no mesmo: dos lugares, das persoas e da vida.

 

E como todo o mundo sabe —ou debería saber— existe unha lei universal dos músicos curiosos: ir tocar a un sitio e marchar sen pasealo é cousa de ignorantes. Non sabemos se está publicada no BOE ou nunha revista científica de prestixio, pero nós cumprímola sempre. Así que, rematada a merenda, puxémonos a facer o que tocaba: dar unha volta mais por Corullón.

O primeiro destino foi a Igrexa de San Esteban, consagrada no ano 1086. Unha auténtica xoia do románico que conserva unha colección de canecillos deses que fan que un acabe co pescozo torto de tanto mirar para arriba. Pero non é a única. Hai quen presume dunha catedral. Corullón, sendo moito máis discreto, presume de tres románicas.

O castelo tamén entraba nos nosos plans. Seguimos as indicacióis ata a rúa San Pedro e logo as que marcaban o Castelo. Se chegades ao Pico Lugar... xa vos pasastes.

O problema é que agora pouco se pode ver. Os accesos están pechados e preguntándolle a unha veciña descubrimos dúas cousas importantes. A primeira, que mellor fósemos ao bar, porque estaba aberto. Dato fundamental: Corullón ten bar. Os detalles importantes tamén hai que contalos. A segunda, que o castelo xa case nin se ve dende o propio pobo polos pinos que lle chantaron diante. Non o dicimos nós; díxonolo ela. Nós limitámonos a levantar acta da conversa. O do Conde Drácula xa foi colleita da veciña.

Se queredes velo ben, haberá que subir ao miradoiro ou achegarse pola zona da adega de JJ Palacios. Dende alí aínda se distingue a torre e parte do que foi unha fortaleza que domina toda esta paisaxe. Case parece unha estratexia defensiva medieval actualizada: agora o castelo escóndese.

 

Corullón tamén merece un capítulo aparte pola súa historia. Non é nada habitual atopar unha vila que chegou a ter tres parroquias, tres igrexas románicas dentro da mesma poboación e tres mosteiros. Iso fala dun pasado importante e dunha forma de medrar moi pouco común no Bierzo. Na Idade Media organizábase arredor dos barrios de San Miguel, San Esteban e San Pedro. Hoxe ten máis e con outros nomes, ainda que algún estea deshabitado, como a Sala ou o Pico Lugar, que seguen gardando parte desa memoria.

Dende o miradoiro —e si, para chegar hai que saír do casco urbán; tranquilos, non vos equivocades porque a rúa chámase precisamente Mirador— ábrese unha desas vistas que explican moitas cousas. Vense Vilela, Horta, Villafranca, Corullón, Perandois e boa parte deste anaco do Bierzo. O cartel segue sinalando a central de Cubillos, pero as chemineas xa non están.

Ao final, París ben vale unha misa... e Corullón ben vale unha visita. Ás veces empeñámonos en buscar marabillas lonxe da casa e esquecemos as que temos á volta da esquina. E nós, que cada vez imos facendo un pouco de músicos e un pouco de guías turísticos, seguiremos insistindo.

 

Esta croniqueta cultureta non podía rematar doutro xeito que coa voz de Antonio González Guerrero nunha frase sublime:

"Los hombres sin raíces tienen el vuelo corto como un gallo."

 











No hay comentarios:

Publicar un comentario