Estes días non quitabámos da cabeza o lume e o fume que vemos ao noso redor. Na sorte que tivemos coma gaiteiros de non perder aínda unha festa por mor desta praga que asoláganos. E o tivemos dende que saímos de casa vendo a un lado do camín como ía o que comezou en Cobrana, ata chegar a Fontedoliva (aínda que se escriba Fuente de Oliva leése así). Segundo baixamos do coche, pasa xusto por riba de nós os helicóteros que intentaban apagar o que comezou cun raio en Ransinde cargando na balsa que fixeran enriba do pobo. E o tivemos presente, non porque o son das aspas acompañáronnos pola mañá e pola tarde, nin porque cando rematábamos unha canción e a xente aplaudía non sabiamos se era por nós ou polos pilotos… Hai que ser de pedra para non chorar cada vez que arde a natureza. E este non é o único patrimonio que perdemos, non importa que a perda do inmaterial non faga fume. Pero nos vimos por outra cousa.
Se temos que comezar contando esta festa de San Pedro,
teremos que facelo falando do camiño, que non estrada. Porque Fernando, que foi
quen chamounos, recomendounos ir por Pedrafita, entrar en Lugo para voltar ao
Bierzo cara Castiñeiras. Ao chegar a Pedrafita hai que coller por onde pon Os
Ancares (que non son Os Ancares realmente, pero esa é outra guerra). Xa sabes
que se entras en Lugo non fai falta chegar á néboa das Nogais para perder o
sol, pero non pasa nada, logo volves ao Bierzo. Ata o Portelo o firme é bo,
máis ou menos desbrozado ao redor. Nótase que entramos por arriba: nin cartel
de cambio de provincia, nin de Castiñeiras a este lado, nin sinal de
Fontedoliva ata chegar a un cartel a pouco máis de dous quilómetros que indica
a poboación. Por se acaso, non poñen canto falta. Méteste polo carreiro que,
coma outras estradas, parece dun carril, xa que non hai liña do medio, pero si,
a modo de longo bigote, un pouco de herba polo medio das rodadas dos coches.
Chegar alí é un espectáculo de paisaxe. Estamos no
Ayuntamiento de Balboa, que ten dezasete poblacións. É grande por iso entre os
dalí distinguen esta zona que é o Real. O Real está formado por Fontedoliva, O
Portelo, Castañeiras, Villanova, Villarmarín, Valverde e Paraxís. Isto non o
atoparedes noutro sitio en interné, só navegando con nós.
E ademais, Fontedoliva non ten igrexa nin ermida. Van á misa
cos de Castañeiras a Villanova, que si ten ermita e os tres celebran o San
Pedro. Xa que só había dúas parroquias: a de Villafeile e a de Balboa. De
feito, houbo misa en Villanova, pero a nós chamáronnos para dar ambiente na
comida e facer a sobremesa da paellada que prepararon para os veciños. E así o
fixemos. Aínda que despois de comer, ademais de tocar e tocar todas as que nos
pediron, cantamos. Sentimos cantar a Pepe, que é d'eiquí, con outro veciño de
Xestoso que tamén tocou a gaita no seu tempo. Porque o Real ten moita relación
cos pobos do lado de Lugo. E nesta zona de Lugo, como fóra do Real, no resto do
Ayuntamiento de Balboa había moitos gaiteiros. Só había que falar un pouco e,
de repente, tiñas en fronte familia dalgún deles como o Marelo de Xestoso, ou
un primo de Marcial de Riamonte, que tocaba a pandeireta.
E entre risas e algo de beber escoitamos historias de
gaiteiros, de pandareta (como non ía a saír o nome da Troba), de lobos e cans
cos dentes regañados, de como era o entroido ou do que se facía no ano vello.
Tocamos para que cantaran ao pé da gaita e fixémolo ao noso modo, o modo de
respectar o de cada lugar.
Igual a bobada mais mentireira que contou Pepe (e dixo
moitas) foi esa de que a fonte que está na aira onde comemos chámaselle a Fonte
de Oliva, xa que a que está xusto enriba é a del. Dicía que Oliva era a dona da
fonte, que resulta que non era moi agraciada e que cobraba por deixar beber
dela un pequeno prezo: pasar a noite con ela. Aínda que o que si se dicía era
que esta auga era moi boa, pero para arrefriar o viño. E digo que é verdade.
Despois de meter os pés, nunca se viu un gaiteiro tan fresco tocando.
E resulta que esa fonte está ao lado de onde subían o palco
da orquestra e, entre unha e outra copla, lembraron aquela vez que querían
pelexar por coller o micrófono para cantar, pero que non pasou porque o
problema chegou cando intentaron subir as escaleiras. Hoxe non quedan máis de
seis casas, aínda que houbo máis. Cambiaron os tempos. Agora non fai falta ir
en besta a Balboa por suministros e pasar tres días de farra antes de voltar.
Parecerá pouco, pero só co que escoitamos hoxe sabemos que hai máis que para
escribir un libro. Seguimos confiando nesa máxima que os nosos estudos
científicos demostran: nós pasamos polos sitios, pero tamén os sitios pasan por
nós.
Despois de despedirnos con aplausos deixáronnos de recado de
poñer unha boa reseña a Fontedoliva para que non veña ninguén a molestar. E nós
somos mandados, tanto que, se nos dan oportunidade para o ano, volvemos. Nós
hoxe subimos pensando conquistar este pobo, que hai uns anos quería separarse
porque non tiña estrada. Anos despois, non se separaron, tampouco mellorou o
camiño e foron eles os que nos conquistaron a nós.
Que lle imos facer, por ratos así, por este oficio tan
bonito, paga a pena seguir facendo kilómetros, soprar, bater nos coiros e
encher os miolos de saberes e o corazón de ledicia.
PD: o de que esta croniqueta teña todo o senso en galego, só
se pode explicar escoitando e deixando falar nesta parte do Bierzo. O porqué
chamarlle galego e que esta lingua é algo noso, explícao moito millor ca min,
Paco Macías.





.jpg)




No hay comentarios:
Publicar un comentario