miércoles, 26 de agosto de 2026

Croniqueta #14 (2026) – Curso Festa da Pandeira en Piornedo de Ancares

As nosas ríxidas normas, homologadas internacionalmente, tamén permiten facer unha croniqueta dun curso.

Por iso, aínda que o curso contou e se torceron cousas a última hora, tiñamos que contar algo. Claro que tampouco todo.

Porque, por se fose pouco o lumbago de última hora que nos fixo chegar xustos, os fallos das fotocopias na copistería, que o proxector non se vía (nin o pro que trouxo Lola) e que o altofalante metía un ruído do demo... partiamos xa de dar un curso complexo para trinta e cinco persoas, entre elas xente ilustre (que tamén ilustrada), nun eido bastante descoñecido e ás veces mal traballado como é a pandeira nos Ancares leoneses, o que viña sendo o untamiento de Candín, agora Valle de Ancares.
Porque Ancares medrou moito. Tanto, que ás veces pensamos que medrou incluso por sitios onde non se senten ancareses. E non o dicimos por Galicia só: que llo pregunten a un de Vilela, de Vega de Espinareda ou de Pranzais.

Moito respecto e responsabilidade, porque hai obradoiros que o dan. Polo que significan, polo lugar e polo que se fixo antes, xa que esta é a XIX edición da Festa da Pandeira, que non son poucas.
Aínda lembramos as primeiras. Á primeira non puidemos ir, pero deixamos a cámara para gravala. A segunda e unhas cantas máis xa non as perdemos. Ás veces tocabamos, bailabamos e, sobre todo, interactuabamos con maiores que para nós eran rock stars no sentido máis estrito (e isto non é retranca).
Aquilo valeunos para coñecer figuras importantes e para volver varias veces gravar na zona a moitas delas. Tamén houbo encontros de gaiteiros nos que subimos a Eduardo González dando un pequenísimo rodeo dunha hora para pasar pola súa aldea e pola da súa muller.

O primeiro contacto coa pandeira foi en Candín con Luís Luis Prego. Dende entón fomos mergullándonos para comprender: buscando tamén nos arquivos, vendo moitas recollidas e compartindo con xente moi cultivada como David Omaña.
Por iso nos sentiamos con ganas de desentrañar xéneros pouco esquecidos e maltratados como o chao ou corrido, a dulzaina ou o bien parao. Moitas cousas pequenas que comentamos e tocamos de alí, pero tamén algunha do que hoxe é a Reserva da Biosfera.

Non as puidemos ver, pero si escoitamos a Rosa, Nélida, Ángeles, María, Dorinda... Poñendo nome e apelidos a todas e, nalgunha, incluso o nome da súa casa.
Porque cremos firmemente que as cousas se fan así: fixándose nas vellas, en como poñen a man, como din as cousas, como moven o instrumento... Para outras cousas tamén hai quen as faga, así que na variedade está a diversión.

Nós seguimos abraiados con estes repertorios dese triángulo das Bermudas que forman Ibias, Candín e Cervantes, onde algo teñen entre eles, porque din polavila ou pandeira, aínda que bailen diferente e haxa todas esas particularidades que nos encantan.

O resto cóntano as fotos: o ben que o pasamos, a compañía e a xente grande coa que compartimos. Porque cando un vai contar o que outros tocaron antes, o mínimo é saber de quen o aprendeu.







No hay comentarios:

Publicar un comentario